3 abr. 2009

En cada bloque de pizarra vexo unha obra de arte

Leva varios días traballando nas obras da piscina climatizada de O Barco, pero hoxe Toño Monteiro deixará a un lado a faceta de asalariado para sacar a de artista na inauguración (20.00 horas) da súa exposición Pedra, pizarra, metal; que poderá verse ata finais de mes na sala Caixanova.

-Comezou da man de Xaime Quessada apenas tres anos atrás, ¿como cambiou a súa obra desde eses cercanos inicios?

-Estou collendo unha tendencia máis lineal, sen tanta expresión; cada vez máis surrealista. Vou intentar facer unha obra onde o material natural se presente case sen tocarlle nada, coa mínima liña. Algo baseado na creatividade e na imaxinación.

-«Pedra, pizarra, metal», non deixa moito espazo á imaxinación. ¿Por que pizarra?

-Estou namorado da pizarra, porque é unha cousa que cando ves o bloque impresiona; igual é un bloque de 1.500 quilos, que cando rematas a obra queda en 700. Tes que comerlle a metade, pero compensa ao final polas liñas e os tons que colle co negro azabache, que contrasta co aceiro.

-Será da zona...

-É pizarra de Valdeorras. Os propietarios das canteiras están encantados de brindarme material para que compoña. As liñas que deixa a pizarra gústanlle a moita xente... Dáme pena ver tantos vertedoiros de pizarra, porque eu en cada bloque vexo unha obra. Se alguén quixera, poderíanse facer moitas obras, a baixo custe, sen moito traballo, para decorar parques, xardíns, prazas, áreas recreativas...

-Destacan na súa obra as figuras humanas.

-Gústame a escultura a tamaño natural ou incluso un pouco máis alta; que faga que levantes a cabeza para mirala á cara, non que te volvas sumiso e a baixes.

-¿E despois de O Barco?

-Farei unha exposición na Casa de Curros Enríquez, unha obra de carácter surrealista. Despois marcho para a cadea vella de Ponte da Limia, onde vai nacer unha xira por toda Galicia que faremos tres artistas da Baixa Limia: eu, un fotógrafo e un pintor; e que levaremos por todos os centros comarcais de Galicia, dedicando a cada un deles unha lenda da zona.

REFERENCIA: LA VOZ DE GALICIA