5 sept. 2009

Gostaríame facer o bosque máxico dos oestrimnios

O escultor ourensán percorre Galicia con unha exposición sobre as tribus locais anteriores aos celta.

A última exposición do escultor Toño Monteiro, Terras de Oestrimnia, desvela unha faceta descoñecida do artista ourensán: a pasión pola investigación histórica dos máis remotos habitantes destas terras. Dese afán xurdiu unha colección de esculturas que, dende o pasado mes de xuño e ata decembro do 2010 irá percorrendo todas as bisbarras de Galicia.

-¿Que son os oestrimios?

-Unha das tribus antigas. Moito antes de que chegasen os celtas coa súa cultura, os seus castros, a súa organización, nestas terras habitaban outros poboadores, cecais con unha vida máis libre, máis nómada e menos estruturada, máis guiada nos seus hábitos diarios pola propia natureza, coas súas lendas e mitos. Eran os coelernos, os cilenos, os caporos, os arroinios, os neiros, os guigurros, os aidones, os tiburos, os oestrimnios... Non é unha invención miña. Deles falan historiadores, mercaderes e cartógrafos como Ptolomeo, Estrabón, Plinio ou Trileuco, e sitúanos xeograficamente nas terras da hoxe Galicia. O que eu fixen, foi votar man da imaxinación e crear unha escultura para cada un e, sempre que foi posible, cos materiais propios da zona. Nalgún caso son deuses e deusas, calaberas, raíñas, barcos, ninfas, guerreiros ou máscaras.

-¿E como xurde a idea?

-En realidade esto ven de moi atrás. Eu son discípulo de Xaime Quesada e era él quen me empezou a contar historias dos oestrimnios, dos guigurros, de lendas antigas, e eso acabou sembrando unha curiosidade en min. Agora, despois do seu falecemento, pareceume que debía recuperar aquel entusiasmo seu e investigar con máis profundidade para facer unha obra con esta base. Así que a través de Internet, e coa axuda de rapaces de A Baixa Limia, amigos, e xente afeccionada a estudar o mundo dos castros, documenteime sobre eses poboadores.

-¿Atopou moitos datos?

-Moitos non, pero si algúns. As veces a referencia a unha antiga danza na que se disfrazaban como se fose o entroido, as veces un ritual, ou unha celebración de cando nacía ou morría alguén. Entón eu imaxinaba cómo sería ou a máscara, ou o sentimento da festa, ou a deusa a que lle adicaban o ritual. Cada obra vai con datos que recollimos sobre a tribu na que se basa ou onde máis o menos viviron.

-¿Haberá unha segunda parte desta exposición?

-O meu mestre e máis eu, andábamos dándolle voltas a crear un espazo artístico nun marco natural. O que nós chamábamos o bosque máxico dos oestrimnios. Sería como un labirinto de tullas, rochas e carballos con musgo e líquenes, e ir colocando en pequenos claros as esculturas dos oestrimnios. En realidade podería ir en calquera concello que dispuxera de terreos para facelo, pero nós pensábamos que si se materializaba ese gran parque en Montealegre do que se falaba que serían máis de douscentos mil metros, sería un lugar ideal. E eso ando intentando, cumprir aquel sono do meu metre e facer o bosque máxico dos oestrimnios aquí. Eu estou disposto a traballar de xeito altruista, pero necesitaría que alo menos me pagasen os materiais porque a verdade é que eu non podo acometer so un proxecto desta envergadura.


REFERENCIA: LA VOZ DE GALICIA