
-¿Quen eran os oestrimnios?
-Ao parecer, estas tribos viñeron da estepa rusa e fóronse desprazando polo occidente ata Galicia. Cando chegaron os celtas, cos que conviviron, este pobo xa levaba aquí miles de anos. Logo, os romanos, aos que vían como extraterrestres polo ben preparados que estaban e a cultura que tiñan, extermináronos. Cartógrafos e historiadores como Ptolomeo, Estrabón ou Plinio xa falaban deles.
-¿E que lle inspirou a tratar un tema tan descoñecido?
-O meu amigo e mestre Xaime Quessada sempre me falaba deses seres. El inculcoume a dinámica e a enerxía para crear o soño desta obra.
-¿Que quere transmitir?
-Espertar a curiosidade da xente, que a vexan e busquen na Internet quen eran estas tribos, como vivían, que facían... E se ás esculturas lles engades unha lenda, unha simboloxía, a atracción é aínda maior.
-¿Cales son os seus proxectos de futuro?
-Un día gustaríame crear, na Baixa Limia, O bosque máxico dos oestrimnios, unha especie de labirinto feito con tuias e rodeado de carballos, castiñeiros e rocha autóctona na que a xente se deixara perder e se atopara coas esculturas.
-¿Algo parecido a expoñer as obras como fixo Chillida na zona de Allariz?
-Non, eu non contaminaría a paisaxe con tanto colorido. Busco o contrario, mesturar a obra co entorno.
-¿Como comezou no mundo da escultura?
-Hai catro ou cinco anos que me puxen en serio. Foi Xaime o que me abriu os ollos e fíxome ver a importancia da imaxinación para poder compoñer. Entendín que a escultura é como un ritmo, unha música que tes que sentir, coa que tes que emocionarte. Conxeniamos ben e comecei axudándolle no seu estudo.