1 jun. 2015

Toño Monteiro doou unha escultura súa á Facultade de Ciencias

Toño Monteiro - Facultade de Ciencias
Unha pinga de 'ouro azul' para concienciar sobre a importancia da auga. 
A obra está situada desde este martes na entrada do Edificio Politécnico. 

 A auga é fundamental para a vida. A pesar de ser un ben que forma parte da nosa existencia cotiá e que polo tanto non valoramos na súa medida, é o auténtico “ouro azul”. Con esta idea na mente e co obxectivo de contribuír a concienciar á xente sobre a súa relevancia, o artista Toño Monteiro vén de doar á Facultade de Ciencias do campus de Ourense e ao seu Campus da Auga unha das súas obras, unha pinga de “ouro azul” que desde este martes está situada na entrada do Edificio Politécnico. 

Monteiro entregou a peza a Pedro Araújo, decano da Facultade de Ciencias do campus, nun acto no que tamén estiveron Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Ana Garriga, directora da Escola Superior de Enxeñaría Informática, centro que tamén está situado no Edificio Politécnico, e membros do equipo decanal de Ciencias. “A obra eu declároa como unha pinga que quere ser unha homenaxe a ese elemento tan natural e necesario como é a auga. Trátase dunha peza de madeira de cedro de 2.40 metros de altura con incrustacións de latón, que brillan nela como se fosen ouro, intentado reflectir así a idea de que a auga é o “ouro azul”, un elemento de gran riqueza e calidade”, comentou o creador no acto de entrega. A escultura formou parte da mostra do artista Sentir a madeira e é maqueta dunha peza maior que o escultor está proxectando realizar.

Toño Monteiro - Facultade de Ciencias
No marco do Campus da Auga “Estamos moi agradecidos a Toño Monteiro por pensar no campus, nesta Facultade de Ciencias, para doar esta obra. Seguimos facendo o Campus da Auga coa sociedade civil e proxectando Ourense”, salientou Pedro Araújo. Agradecendo tamén ao escultor a doazón desta escultura e felicitando ao decano de Ciencias pola súa consecución, Virxilio Rodríguez destacou como este xesto “amosa como o Campus da Auga empeza a ser cada vez máis coñecido na sociedade e como se converte no marco no que se poden desenvolver diferentes iniciativas, neste caso culturais”.

A idea de facer esta doazón xurdiu no marco da entrega o pasado mes de marzo a Pedro Araújo do Premio Ouro Azul por parte do proxecto O Bosque Máxico. Os promotores desa iniciativa, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Auga o 22 de marzo, destacan cada ano a algunha persoa que sobresae polas súas achegas no eido dos recursos hídricos. Este ano, o galardón, que consiste nunha escultura dunha pinga de auga realizada polo propio Toño Monteiro, foi entregado a Pedro Araújo por toda unha traxectoria dedicada a traballar, a protexer e a estudar as diferentes formas de conservar a pureza e a potabilidade da auga. Froito daquel encontro foi este martes a entrega da escultura que desde agora lembra aos membros da comunidade universitaria ourensá a importancia da auga para a vida.