1 jun 2011

Unha escultura «para viaxar»

Monteiro rinde homenaxe cunha peza a Quessada e aos Oestrimios

O escultor Toño Monteiro na rotonda do Ribeiriño, Pablo Araújo
O escultor Toño Monteiro está en plena fase de montaxe dun novo grupo escultórico en Ourense. O artista creou no seu día o proxecto Terras de Oestrimia, conxunto de esculturas co cal percorreu toda Galicia e que na cidade amosouse no auditorio. Agora o artista dá continuidade a esa proposta coa montaxe dun grupo escultórico en Ourense, que denomina Arco dos Tempos ou Arco dos Oestrimios, que tenta «trasladar á arte o que representa o Arco da Vella e que, dende o contraste da cor e a auga, serva para viaxar coa imaxinación a todos os que o contemplan».

Toño Monteiro concebiu a peza como unha homenaxe en dúas vertentes: «por unha banda ao meu mestre Xaime Quessada e, por outra, á raza dos oestrimios e a tódolos investigadores que nos foron descobrindo a súa pegada». O escultor está na actualidade instalando as pezas do grupo escultórico xunto ao seu equipo e as previsións coas que traballa pasan por deixar o conxunto rematado na presente semana, aínda que as previsións iniciais poderían retrasarse «un pouco en relación ao que temos previsto porque estamos agardando a que nos cheguen os focos que van dar unha perspectiva diferente á composición. Son elementos diferentes aos que se teñen empregado ata o de agora, de microled, porque eu concebín este grupo escultórico coas cores propias do Arco da Vella, e os focos que imos instalar reproducen exactamente a paleta de cores elexida para esta peza escultórica».

Bosque en Peneda-Xurés


Toño Monteiro ten en proxecto dar continuidade a esta intervención coa creación do «bosque máxico dos oestrimios. Estará ubicado na zona da Serra da Peneda-Xurés e iría dende Castromao e a zona do Leboreiro a Couto Mixto, Boullosa e San Gregorio. Estamos varias persoas ultimando o proxecto».

REFERENCIA: LA VOZ DE GALICIA