Mostrando entradas con la etiqueta PROYECTOS. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta PROYECTOS. Mostrar todas las entradas

21 oct 2025

Toño Monteiro: “Cando pasas O Vieiro e ves o Xurés é como se cambiaras de dimensión”

O escultor Toño Monteiro prepara un proxecto de portas na Baixa Limia

Toño Monteiro, escultor, na Baixa Limia. Santi M. Amil






Toño Monteiro vén de xubilarse recentemente e mais que ollar cara o pasado pensa en futuro, en proxectos vindeiros e nos que xa están en marcha, como a serie de Portas do Xurés na que está traballando. A primeira delas vaise instalar en Bande, no alto do Vieiro o venres 7 de novembro.

O escultor de Ganceiros (Lobios) sube a Baixa Limia desde Ourense, onde está coa familia, un par de días á semana. «Veño debuxar e facer maquetas. Teño unha enfermidade que me tivo en repouso, pero a miña inquietude non me deixa parar», desvela o protagonista. Esta axitación a que se refire vén de atrás e acabouse por manifestar nunha actitude artística: «Sempre me gustou andar rebulindo e ao longo da vida vas madurando e tendo perspectivas e motivacións para levarte a un estado de creación».

Monteiro viviu en Lobios ata os nove anos e logo marchou para Ourense; estudou no grupo escolar dos Rosales e fixo a formación profesional de mestría industrial. Aprendeu debuxo lineal e perspectivas, coñecementos que aplica a hora de bosquexar as obras artísticas. Traballou de mecánico, de viaxante e de técnico hidráulico, facendo fontes e regos por aspersión na empresa de Lisardo Dorribo. Paralelamente desenvolveu esa inquedanza creativa que tiña dentro. É o autor do Arco dos Tempos, a escultura que decora a glorieta do Ribeiriño fronte a a sede da Policía Local de Ourense, da pinga de auga Ouro Azul en Expourense e protagonizou a exposición Sentindo a madeira, que se puido ver no Museo Municipal de Ourense no ano 2015. Usou este material nobre para representar maternidades, mouchos e figuras abstractas. «Non me foi mal no tema creativo, pero xa non quero facer obra de encargo, senón as miñas visión e inquietudes», expresa o escultor.

A enfermidade inflamatoria que padece levouno a unha «desconexión laboral total» e, aínda que agora xa non pode facer o traballo físico das esculturas, ten moito tempo libre para debuxar e facer maquetas. E niso anda, ideando e preparando todo para o proxecto de cinco portas en cadanseu concello da Baixa Limia. «Eu deseño, fago as maquetas e entrego todas as medidas e pezas de cada porta. Doullas aos concellos e eles encargan a un ferreiro ou a unha empresa de construción. O meu deseño é un agasallo, non o cobro. O que quero e que coloquen estas obras para visitar as cinco portas de Toño Monteiro. Quedaran aí para o futuro e amigos e netos poden seguir pasando por elas», describe. Unha das pezas que ofrece como agasallo, un sorriso, levou a Monteiro a este proxecto actual. «Porque un sorriso abre as portas. Nesta nova creación quero representar os útiles que nos trouxeron a esta dimensión, desde a porta da vida, da luz; é un elemento para que a xente pase debaixo dela e poida coller enerxía e recordar bos momentos e esquecer penas e rancores. É un símbolo, como quen vai a unha romaría e vén con outros pensares», continúa. Serán de aceiro corten.

Outras obras de Monteiro xa están espalladas por recunchos da comarca ourensá: nos foxos de lobos en Guende e Salas, nunha homenaxe os pilotos da loita contra os lumes que morreron nun accidente de aviación na serra de Santa Eufemia, en Lobios.

Asume a etapa da xubilación coa intención de seguir na mesma liña creativa e como observador da vida. Ten «un camión de hobbies: correr polos carreiros co can, mountain bike cos amigos e pesca extrema cando é a época nos ríos rocheiros e troiteiros» da Baixa Limia. Mantén o vínculo coa terra. Conserva a casa natal de Ganceiros, desde a que divisa tres cuartos da Serra do Xurés e onde mantén o contacto coa terra e cos veciños e amigos. «As postas de sol e os amenceres son impresionantes. Baixa Limia ten outra luz, outro aire, outra enerxía. Unha vez que pasas o Vieiro e ves a Serra do Xurés é como se cambiaras de espazo e de dimensión. A luz é diferente, a temperatura, os cheiros que hai por aquí, as vistas e tamén a gastronomía e o viño», confesa o artista.

«Xaime Quessada foi quen me animou a trazar liñas con harmonía»

Toño Monteiro fala con humildade das súas creacións, pero non esconde a satisfacción que lle produce ver que alguén se detén a ver un dous seus traballos ou mellor, cando pasa e volve atrás para miralo. Cando se goza do arte. Nese sentido, recorda as reaccións na exposición Sentindo a madeira. «Foi unha etapa bonita. Patrocinada pola ONCE, había cartelas en braille e en español e vin como se emocionaban os cegos ao tocar a madeira e a cartela. Unha desas obras, un invidente con bastón está na sede da ONCE», di.

Traballou con distintos materiais, coa cambiante madeira, que muda de textura e de cor, e tamén con pedra, gres ou ferro, que son «máis estables e non teñen esa oscilación». Nos estudos de mestría industrial aprendeu a soldar, limar pezas e habilidades de mecánico. Foi o gran Xaime Quessada quen lle deu un empuxe artístico. «Foi un dos meus mestres e el me ensinou a trazar liñas coa harmonía que ten que ter unha obra de arte para que che diga algo», lembra. Ten claro que neste ámbito todo o mundo copia, «porque o arte non se explica, ou sabes copiar ou es un creativo» , remata.

Quen é. Toño Monteiro é escultor e traballou como técnico hidráulico nunha empresa. Está xubilado desde setembro.

Idade. Ten 65 anos, que cumpriu en setembro deste ano e naceu en Ganceiros (Lobios).

O seu recanto. Un miradoiro no Viso, en Lobeira, desde onde se divisa grande parte da Baixa Limia.

Referencia: La voz de Galicia

Maite Rodríguez Vázquez

maite rodríguezOURENSE / LA VOZ

1 jun 2011

O BOSQUE MÁXICO ® - O ARCO DOS TEMPOS - O ARCO DOS OESTRIMNIOS

Como cada día comeza todo, houbo un día que comezou unha exposición dunhas Obras que coa denominación de "TERRAS DE OESTRIMNIA" percorreu toda a nosa Comunidade. Dedicándolle unha lenda e unha obra a todas esas Tribos que poboaron coas súas citanias eses lombeiros, mais alá de onde se perden os tempos,onde a natureza formaba parte de todo o seu hábitat.

Dentro deste hábitat tan natural, xurdía como hoxe ese fenómeno que nos abraia a todos, o Arco da Vella, o Arco Iris, cando a luz solar atravesa as gotas da auga descompoñéndose nesas cores tan atractivas, tan Nivelínicas, tan máxicas.
Seguramente estes nosos devanceiros, os Oestrimnios podíanse imaxinar, que houbese un modo, unha forma, onde nalgún momento se transportaran a través dese Arco de Luz como se de algo Máxico se tratase.
Algún pobo coma o Romano, utilizou este fenómeno para a construción desas equilibradas e resistentes Voutas que formaban os arcos das súas orixinais pontes, coma a que nos identifica en todo o mundo, A Ponte Vella de Ourense.

Eu, coma Homenaxe a esta ancestral Raza, ao meu mestre Quessada e para toda a Humanidade, coloco neste Punto Xeográfico a carón do río Miño na cidade de Ourense, a obra que denomino o “Arco dos Tempos,” o “Arco dos Oestrimnios”, como se dunha Maqueta ou do Útil que no futuro vindeiro nos puidese Transportar a través da súa Luz, das súas Cores, da súa Erxia.

Unha Interface Cuántica Fotónica, que nos poida transportar a ese Mundo, a esa dimensión tan Natural como Máxica.
Unha Interface que nos transportara onde a Natureza fose coma a que aínda de cando en vez Soñamos, onde todo Encaixa,onde todo está nun estado Lóxico, Harmónico e Nivelínico.

Unha Interface que nos comunique, que nos Traslade ó Bosque Máxico,ó Bosque Máxico dos Oestrimnios .
Esperando que vos guste, unha Aperta, de: Toño Monteiro