16 mar 2012

NACEN OS PREMIOS ( OURO AZUL )

Para os que non me coñecen, eu son Toño Monteiro, o creador destas dúas estatuiñas coas que quero expresar o valor e a necesidade que temos  sobre o  cuidado e a preservación deste Elemento,  a Auga, imprescindible para a o desenrolo sostibel da humanidade.

Despois do acontecido este ano nas augas do Limia, tocou a miña sensibilidade, chegando ó punto de involucrarme coas asociacións  e plataformas daquelas bisbarras onde eu pertenzo e dalgunha maneira aprender a protexer e a respetar  a Auga, o Ouro Azul, o Elemento máis preciado e elemental para a vida, xa que nós somos tres cuartas partes dela e sen ela,  seríanos imposible sobrevivir.

Non fai falla fixarnos moito para darnos conta da seca que estamos a ter,  onde a nosa provincia de Ourense está a rexistrar as temperaturas máis quentes de Europa.

O cambio global  creado, natural ou artificialmente está aiquí e temos que ser conscientes delo, temos que despertar e comprobar  en que estado de abandono, explotación e contaminación,  estamos  a someter a Auga, posto que todas esas influencias negativas que xeremos sobre ela, afecta directamente sobre a biodiversidade, o medio onde  vivimos .   

Hoxe coa xuntanza  nesta rolda de prensa,  quérovos presentar estas dúas estatuiñas onde una delas será o premio OURO AZUL, xa que a partir de agora  se celebrarán todos os anos o día 22 de Marzo, coincidindo co día mundial da Auga aquí en OURENSE, A CIDADE DA AUGA a CIDADE DO OURO, a CIDADE DO OURO AZUL. Este premio será otorgado á persoa ou persoas que de maneira positiva traballen e loiten por preservar, mellorar, ou desenrolar ese estado Nivelínico no que se presentan os líquidos, este Elemento, este OURO AZUL.                                                                                

Nesta primeira edición os nominados ó premio OURO AZUL 2011    corresponde a, Eduardo Costas Costas, catedrático da Universidade Complutense, e á Facultade Veterinaria  da mesma universidade de Madrid, polos traballos realizados na procura e mellora das  Augas do Limia, que será entregado mañá, venres día 16, ás 20 horas neste mesmo centro cultural na conferencia sobre as Augas do Limia.   

                                                                                          Toño Monteiro

14 sept 2011

Adeus ríos, adeus fontes, adeus regatos pequenos

Toño Monteiro
Adeus Limia, dos meus ollos, non sei cando nos veremos. Recordo fai moitos séculos cando ollaba dende a aira dos montes de Congostro xurdía ese pequeno mar azul, cristalino coma un espello, reflexando eses destelles de luz e cor coas néboas que xurdían entre a súa vexetación. Era impresionante apreciar toda esa evolución de vida no seu estado natural, esa auga limpa, transparente orixinada polo incesante ciclo hidrolóxico nas concas do Limia, formando esas escorrentas, como as veas do noso corpo que se ramifican ata formar esa arteria principal.

O Limia, que tiña treitos de manso, sosegado e calmo ó paso polas súas ribeiras é forte, rudo e imparable cando se precipitaba por esas fervenzas e canles graníticas que o conducían no ultimo treito cara o seu descanso, ó mar, repetidamente, incansable, século tras século foi xerando coa súa auga, os procesos de regas, abonados e alimentación natural de toda a fauna, flora e sentimentos das persoas que como os de Rosalía eran as érxias da súa inspiración. Se hoxe puidese ollar en que se converteron os seus ríos, morrería tres veces máis o contemplar que xa non podería beber nin bañarse nin encher os seus pulmóns da frescura oxixenada que contiñan as súas fragas, toda unha barbarie de especulación, invasión, contaminación , e destrución total, o ter represadas, estancadas e paradas nos encoros para a produción de enerxía eléctrica dunha forma arcaica.

Estes grandes monstros da electricidade coma Endesa, Iberdrola ou Fenosa, manipulan uns dos elementos vitais do noso planeta como se fosen a mesmísima mafia. Antigamente a este proceso de xerar electricidade chamábanlle enerxía verde, e hoxe so hai que ollar para a presa das Conchas, onde a enerxía non se ve, pero as súas tóxicas augas verdes saltan a simple vista. Para máis colmo Fenosa quere bombear dende a presa das Conchas a auga ata o encoro de Salas, onde a súa presa está afectada nun 48% por aluminose múltiple, tendo xa varias citacións do Goberno para que non se volva represar nela, facendo a todo isto oídos xordos. Esto é de pánico.

Cando non teñan clientes para venderlle os seus kilowatios deixarán os encoros feitos unhas cloacas e unhas letrinas, e os ríos completamente inservibles, invivibles e incheirables. Poñámoslle freo a toda esta corrupción lucrativa, para que non se nos culpe algún día que fomos a civilización, que acabou coa auga potable do planeta azul e nos conlevou o exterminio e desaparición da nosa especie humana.


Toño Monteiro

REFERENCIA: LA VOZ DE GALICIA

Os cancros do sistema


Toño Monteiro
Estámonos sumerxindo dentro dun estado onde non temos nin principios nin respecto por todo o que nos rodea, un estado drestutivo, posesivo e autoritario. Cando todo algún día comezou, fomos uns individuos que conviviamos valéndonos da unión e a necesidade, formándose grupos onde se nomearía un Xefe. Cando este foi electo sentiu a necesidade de perpetuarse no poder, dalgunha maneira comezou a balanza a declinar ata chegar o sometemento neste sistema. Dende que ese Ser foi nomeado, apoiado e sostido, comezou a perderse a unión do ancestral grupo para ter que apoiar o Xefe, o máis forte, o máis alto, ou o máis listo e co apoio dos seus súbditos o máis poderoso. Xefes, Reis, Condes, Duques, Marqueses, Políticos, Papas, Relixións, cada un deles desempeñan o seu cargo, sentíndose Deuses vendo como os seus lacaios se encamiñan cara a dirección que lle teñen asignada. O Sistema tiña que crecer e sen darse conta, convertéronse en Chupopteros sen sentimento persoal, crearon e mantiveron un sistema, e fóiselle das mans.

Segundo as estatísticas, ó sistema chéganlle cincocentos millóns de persoas para a súa supervivencia, e somos seis mil millóns. Estamos entrando nun estado onde as alarmas soan por doquier, económicas, políticas ou sociais, e as alarmas que non son atendidas estoupan e multiplícanse formando cancros de moi complexa curación.

Escapóuselle das mans. Sinxelas pero imprescindibles normas como a que reflexa a Constitución no capítulo terceiro -artigos do 43 a o 45- onde obriga a cumprir os dereitos e deberes fundamentais sobre a organización ou a protección do ser humano e o seu entorno natural, non se cumpren pola cegueira do lucrativo e o posesivo. Deberíamos de esixir as persoas responsables que cumpran o seu cometido, posto que si os Mestres non ensinan, as persoas con cargos responsables non cumpren, os médicos non curan, entrariamos nunha fase destrutiva superior, e os cancros xerados serían máis que insoportables.

Por favor, escoitemos e atendamos as alarmas e non as deixemos proliferar coma que se esta producindo no río Limia, onde segundo estudios e análises biolóxicos feitos pola Universidade Complutense de Madrid, o doutor Eduardo Costa, afirma que as augas do Limia, hectómetros e hectómetros cúbicos de auga, están infectadas pola cianobacteria Microcytis Aeroginosus, responsable da toxina Microcistina L.R., producida polas incontroladas actividades humanos, tanto no eido de reprodución animal e vexetal.

Cando esa cianobacteria é sobrealimentada polos residuos fecais orgánicos, producidos polas granxas que se atopan nas súas ribeiras, nos seus acuíferos ou nos seus vales sobrepasando un 800% o permitido por metro cadrado polas normativas da comunidade europea, pero sobre todo pola excesiva nitronixación de tubérculos e cereais que se cultivan na lagoa, xa que estanlle aportando as terras nas tarefas de fertilización, compostos nitroxenados de última xeración, non contando que o nitróxeno que a planta non asimila no seu proceso de desenrolo cristalízase, esperando no substrato a que chegue unha precipitación que os licúa sobre os drenaxes e areeiros da lagoa que os conducirá a través das súas canles ó cauce principal do Limia. Dende a lagoa de Antela ata o encoro das Conchas, o Limia ben manso e nun estado nivelínico, non chegando a xerar ningún tipo de corrente onde se puidese filtrar ou vaporizar entre as areas, diatomeas e fervenzas, os excesos de nitróxenos. Excesos de residuos orgánicos das granxas de animais, excesos de nitróxenos na reprodución de vexetais, orixinan unha sobrefertilización que potenciada pola luz e a temperatura activan a cianobacteria Microcistina L.R., que segundo os biólogos clasifícana moito máis potente que o cianuro.

Por favor, por favor, sexamos lóxicos e pensemos, ¿isto é o futuro? ¿Isto é o futuro que lle queremos deixar ós nosos fillos, ós nosos netos? Porque non abrimos máis os ollos e as orellas e cerramos as mans sobre o útil que nos mellor dominemos, para comezar a pórlle freo a un sistema lucrativo e posesivo, por un máis humano, máis protector e máis lóxico. Teremos que darnos conta que os cartos so compran o tempo de creación das cousas e as súas materias, non podendo comprar o sono, o amor, a amizade, a vida ou o poder estar neste estado dentro desta difmensión natural. Xuntémonos todos e protexamos o noso hábitat, axudémonos a combater os Cancros que se aveciñan.


Toño Monteiro

REFERENCIA: LA VOZ DE GALICIA