1 jun 2015

Toño Monteiro doou unha escultura súa á Facultade de Ciencias

Toño Monteiro - Facultade de Ciencias
Unha pinga de 'ouro azul' para concienciar sobre a importancia da auga. 
A obra está situada desde este martes na entrada do Edificio Politécnico. 

 A auga é fundamental para a vida. A pesar de ser un ben que forma parte da nosa existencia cotiá e que polo tanto non valoramos na súa medida, é o auténtico “ouro azul”. Con esta idea na mente e co obxectivo de contribuír a concienciar á xente sobre a súa relevancia, o artista Toño Monteiro vén de doar á Facultade de Ciencias do campus de Ourense e ao seu Campus da Auga unha das súas obras, unha pinga de “ouro azul” que desde este martes está situada na entrada do Edificio Politécnico. 

Monteiro entregou a peza a Pedro Araújo, decano da Facultade de Ciencias do campus, nun acto no que tamén estiveron Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Ana Garriga, directora da Escola Superior de Enxeñaría Informática, centro que tamén está situado no Edificio Politécnico, e membros do equipo decanal de Ciencias. “A obra eu declároa como unha pinga que quere ser unha homenaxe a ese elemento tan natural e necesario como é a auga. Trátase dunha peza de madeira de cedro de 2.40 metros de altura con incrustacións de latón, que brillan nela como se fosen ouro, intentado reflectir así a idea de que a auga é o “ouro azul”, un elemento de gran riqueza e calidade”, comentou o creador no acto de entrega. A escultura formou parte da mostra do artista Sentir a madeira e é maqueta dunha peza maior que o escultor está proxectando realizar.

Toño Monteiro - Facultade de Ciencias
No marco do Campus da Auga “Estamos moi agradecidos a Toño Monteiro por pensar no campus, nesta Facultade de Ciencias, para doar esta obra. Seguimos facendo o Campus da Auga coa sociedade civil e proxectando Ourense”, salientou Pedro Araújo. Agradecendo tamén ao escultor a doazón desta escultura e felicitando ao decano de Ciencias pola súa consecución, Virxilio Rodríguez destacou como este xesto “amosa como o Campus da Auga empeza a ser cada vez máis coñecido na sociedade e como se converte no marco no que se poden desenvolver diferentes iniciativas, neste caso culturais”.

A idea de facer esta doazón xurdiu no marco da entrega o pasado mes de marzo a Pedro Araújo do Premio Ouro Azul por parte do proxecto O Bosque Máxico. Os promotores desa iniciativa, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Auga o 22 de marzo, destacan cada ano a algunha persoa que sobresae polas súas achegas no eido dos recursos hídricos. Este ano, o galardón, que consiste nunha escultura dunha pinga de auga realizada polo propio Toño Monteiro, foi entregado a Pedro Araújo por toda unha traxectoria dedicada a traballar, a protexer e a estudar as diferentes formas de conservar a pureza e a potabilidade da auga. Froito daquel encontro foi este martes a entrega da escultura que desde agora lembra aos membros da comunidade universitaria ourensá a importancia da auga para a vida. 

6 abr 2015

Dende os oestrimnios a Toño Monteiro

Discípulo de Xaime Quessada, nas súas obras reflexa a súa debilidade pola natureza e a biodiversidade. Con "Terras de Oestrimnia", coa que percorreu os Centros Comarcais de Galicia, quixo rendir homenaxe aos oestrimnios, unha tribu antiga que habitou Galicia moito antes de que os celtas chegasen e que levaban unha vida máis libre e menos estructuranda, deixándose levar polos tempos que a natureza marcaba. Con "Cornamusa" estivo presente nas oficinas de Correos de Galicia e agora vai máis alá con "Sentindo a madeira", no Museo Municipal ata o 26 de abril, permitindo que as personas con discapacidade visual poidan, mediante o tacto, conectar coas súas obras. Entre estas mostras, esculturas que salpican diferentes espazos, como o "Arco dos Tempos" ou a placa do Campo da feira levan o seu selo.

Cando comenzou a sentir esa inquedanza pola escultura? Dende cativo me gustou a escultura, pero non tiven a ocasión de sacarlle proveito ata fai unhos anos, cando, gracias ao meu mestre Xaime Quessada e os seu folgos, din renda solta a unha paixón que levaba moi dentro. A boa acollida que tiveron as miñas obras e o meu espíritu inquedo, fixo e fai que siga explorando e perfeccionando os meus traballos.



Como foi evolucionando a súa traxectoria? Os inicios son complexos. Ao comenzo non otopas ese oco, esa liña que te identifica, ata que chegas a esa percepción de formas onde a túa creatividade se mostra en toda a súa dimensión.

Porque elixiu a madeira como unha das bases para os seus traballos? A madeira dende sempre foi un elemento moi ligado a Humanidade, xa que as árbores, planta de onde ven a madeira, nos leva dado froitos, materia e erxia natural. A madeira evoluciona, co paso do tempo gaña vetas, muda a cor... e fai que as obras creadas nela cambien tamén.

Cales son as vantaxes deste elemento? Vantaxas moitas, pola súa textura, acabado, calidez, solidez, cores.. que se prestan estupendamente para esta creación.

Na actualidade pódese ver no Museo Municipal a mostra "Sentindo a madeira", que atopa o visitante? Unha serie de obras en madeira, con diferentes formas e tonos que expresan todo o meu sentimento polo humán, pola auga, polos bosques e toda a natureza.

Ademais de escultor, está involucrado noutros proxectos, cóntenos... Estou traballando no proxecto de dinamización e preservación de O Bosque Máxico, onde a súa propia páxina web contén información sobre ese espazo comprendido dende A Merca ata Lobios e dende Verea ata Cortegada, 1000 Kilómetros cadrados cheos de auga, natureza, vida e maxia, A iniciativa inclúe tamén un concurso de debuxo e fotografía,onde este ano se recolleron 2.800 traballos de 360 participantes. Pero o maior obxetivo é seguir outorgando a todas esa persoas que estudian, protexen ou disfrutan coa auga o galardón de "O Ouro Azul", que neste ano acadou a súa cuarta edición.

Onde veremos próximamente a Toño Monteiro? Descubrindo un petroglifo, recuperando un Foxo do Lobo, creando unha gota xigante para homenaxear a ese esencial e imprescindible elemento: a Auga. Coidando, respetando e disfrutando das persoas e da natureza, xa que a Terra non é unha herdanza de nosos pais, senón un préstamo dos nosos fillos e, para seguir nesta privilixiada dimensión necesitamos escoitar, expresar, sentir, querer, vivir, sobre todo, vivir.

REFERENCIA : LA REGIÓN