19 oct 2009

EXPOSICIÓN DE ESCULTURA DE TOÑO MONTEIRO 'TERRAS DE OESTRIMNIA' EN EL CENTRO COMARCAL DE A MARIÑA OCCIDENTAL

Del 1 al 30 de octubre

Imagen promocional de la muestra
Toño Monteiro é un escultor autodidacta, pero como di Maíta Rodríguez, profesora de arte no IES Chamoso Lamas do Carballiño, “logra construír unha obra orixinal, plena de forza, beleza e ás veces grandiosidade, facendo un crisol dos movementos ou tendencias plásticas máis importantes do mundo contemporáneo das que ningún artista logra escapar”.

A súa escultura é unha mestura do cubismo coa linguaxe expresionista e con certas pinceladas oníricas do surrealismo. Maíta Rodríguez continúa describindo así a súa obra: “podendo sorprender ecos de Archipenko no ensamblamento de xeometrías arbitrarias, a continuidade espacial de Boccioni, as formas pulidas, puras e traballadas de Brancusi, as deformacións nas xesticulacións xeometrizadas de Zadkine, a monumentalidade arquitectónica e a unión elocuente de ocos e baleiros de Moore e a configuración simplificada do propio Gargallo que xoga co espazo, a masa e as arestas fornecéndoas dunha forza inusual”

Serán as verbas do propio artista as que mellor definan o por qué desta exposición: “Máis alá de onde se perden os tempos, entre frondosas fragas, fermosos vales e impresionantes montañas viviron as tribos dos Coelernos, Cilenos, Caporos, Arronios, Nerios, Guigurros, Aidones, Tiburos e outras tantas espalladas polas numerosas lombeiras da nosa xeografía. Segundo Ptolomeo, Estrabón, Plinio, Trileuco e mesmo Avieno, estes historiadores, mercaderes e cartógrafos así nomeaban a estas tribos; e nos seus textos dicían que eran os habitantes de chozas, castros ou citanias do noroeste peninsular. Transformando estas antergas tribos en Druídas, Fadas,Trasnos, Musas, Deuses, entre outros seres da nosa cultura mitolóxica, compuxen TERRAS DE OESTRIMNIA. E así poder mergullarvos neste mundo máxico e onírico onde estas ancestrais tribos conviviron no pasado, poñéndolle un pouquiño de imaxinación para poder transportalas ao noso mundo moderno”


Toño Monteiro presentado su libro
A exposición pódese visitar no Centro Comarcal A Mariña Occidental durante o mes de outubro nos horarios habituais do centro (10:00-14:30 e 17:00-20:00 de luns a venres )

Para acadar máis información poden porse en contacto co persoal do centro no 982 570 670 ou no correo ccmarinaoccidental@comarcasdegalicia.com